A Copa do Mundo

Os nosos seareiros puideron disfrutar este ano da visita da Copa do Mundo.

lunes, 14 de mayo de 2012

XUVENÍS: FASE DE ASCENSO

Sorteouse hoxe a fase de ascenso á Liga Galega na categoría xuvenil:

- SCD Malpica - Lalín. O partido de ida será na Pedra Queimada dentro de dous fins de semana, falta por confirmalo día exacto e a hora.

LIGA DA COSTA 34ª XORNADA: MAZARICOS 4 - SCD MALPICA 5

MAZARICOS CF: Juan, Casais, Chico (Carreira min.86), Óscar, Matías, Rodri, Esteban (Ramón min.46), Iván (Sandelo min.46), Molinos (Ferreiro min.70), Brais, Stefan (Aldo min.70).

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Miguel Avelino min.57), Andrés, Marco, Rancaño, Neucha, Manu Pardo (Daniel Varela min.54), Pablo (Iago min.58), Tato (Casais min.93), David Blanco.

Árbitro: Martínez Rodríguez. Mala actuación na tarde de onte onde foi moi protestado polos malpicáns. Especialmente polémicas foron dúas accións na área local que semellaban penalti e non se sinalaron: na primeira parte hai un claro derrubo sobre Neucha que se salda cunha amarela para o atacante por tirarse; e na segunda metade, con empate no marcador, houbo unhas claras mans nun disparo de Marco nun saque de esquina que o colexiado tampouco indicou. Non houbo expulsados.

Incidencias: Pouco público en Peña de Ouro, cuns 100 espectadores presenciando o encontro. Tarde despexada e con moita calor. Non houbo mancados de gravidade.

Goles: 0-1 (min.1): Pase en profundidade de Charlie sobre David Blanco que penetra na área pola dereita e marca de tiro raso. 0-2 (min.20): Gran xogada individual de Manu Pardo tras un control e regate magníficos entra na área e asiste a David Blanco que anota en boa posición. 0-3 (min.47): Tato rompe dende o mediocampo en velocidade, recibe un pase en profundidade, plántase ante Juan marcando de tiro raso. 1-3 (min.49): Centro dende a dereita, hai una indecisión entre o gardameta e a defensa aproveitando Molinos para marcar en boca de gol. 2-3 (min.55): Saque de esquina dende a dereita cara o punto de penalti onde cabecea Matías a gol. 3-3 (min.57): Perda de balón malpicán no mediocampo, Stefan penetra pola esquerda enviando raso cara Brais que bate a Suso. 3-4 (min.83): Saque de banda lateral que Tato saca con moita picardía cara David Blanco que marca de tiro raso tras sorprender á unha despistada defensa local. 4-4 (min.89): Saque de falta lateral que Brais bota con pouco perigo pero que se cola entre a barreira entrando polo primeiro pao. 4-5 (min.90): Golazo de Neucha que dispara dende o pico da área dereito entrando o balón pola escadra oposta.

Crónica: Última xornada de Liga para a SCD Malpica que tras despedirse da Copa na primeira rolda ante o potente Santa Comba tíña como motivación para este encontro a posiblidade de acabar na cuarta posición. O rival era o Mazaricos, equipo recén ascendido e que non se xogaba nada pois dende hai varias semanas xa estaba salvado. O adestrador visitante, David Baña. contaba coas seguintes baixas: Óscar Moscoso, Cheo e Charro (sancionado). A primeira metade foi de claro dominio malpicán, cun Mazaricos moi relaxado e que mostraba moitas facilidades defensivas. A SCD chegaba con relativa facilidade á líña de tres cuartos, ainda que alternaba xogadas de moito mérito con outras nas que faltaba precisión á hora de circulalo esférico. As mellor oportunidades foron as seguintes: disparo de Rancaño dende a frontal que o gardameta envía a saque de esquina; cabezazo de Pablo tras un saque de esquina que Juan desvía nuna gran estirada; disparo cruzado de David Blanco que de novo Juan despexa. Os locais, se ben en defensa eran fráxiles, en ataque contaban con xente moi habilidosa e creaban perigo cando lograban combinar, pero Suso mostrouse moi seguro para desbaratalas oportunidades do Mazaricos. Na recta final da primeira metade, Manu Pardo mandou alto unha pena máxima tras un agarrón de Chico a David Blanco.

A segunda parte comezaba dun xeito inmellorable para o Malpica, que se encontraba cun 0-3 nada máis sair dos vestiarios. Sen embargo, cando o encontro semellaba sentenciado, os malpicáns entraron nunha fase de relaxación absoluta aproveitando o Mazaricos para poñer algo máis de intensidade e sacar petróleo dos constantes erros defensivos do seu rival. Así, en apenas 10 minutos, os locais lograron empatar. A SCD tratou apretar de novo, pero apenas tiveron claridade ofensiva tendo dificultades para crear perigo, salvo nalgunha xogada a balón parado. Tan só unha pillería de Tato e David Blanco logrou rompelo empate preto do final. Cando parecía, de novo, que o Malpica tíña o partido controlado, unha falta lateral que pasou entre os dous homes da barreira volveu a poñelas tablas no marcador. Pero faltaba o último capítulo dunha disparatada segunda metade, e Neucha (xa en tempo de desconto) marcaba o derradeiro gol cun espectacular disparo dende o borde da área. 

A SCD Malpica remata nunha meritoria 5ª posición (a mellor clasificación dende que a SCD voltou por última vez á Segunda Autonómica na tempada 2003/2004) e a tan só un punto do 4º posto demostrando que pode competir de ti a ti contra calquera equipo da categoría.

Dende a directiva da SCD Malpica queremos darlle as gracias a tódolos xogadores que pasaron ao longo da tempada (os que están e aos que xa non están), aos adestradores Manuel Agilda e David Baña, aos utilleros Jesús e José María, ao delegado Ínsua e aos directivos Liborio e Manolito (impagable a súa labor para o clube ano tras ano). Especialmente queremos agradecelo apoio de tódolos socios e socias que nos acompañan tódolos domingos, á xente que nos axudou en tódalas actividades relacionadas co clube, ás institucións (sobre todo ao Concello de Malpica) e empresas que tamén nos axudaron ao longo da tempada.

miércoles, 9 de mayo de 2012

SORTEO CESTA

Xa hai gañador da cesta que a SCD Malpica sorteou o pasado venres 4 de maio. O afortunado foi José María Lema Soutullo (Ponteceso). Noraboa!

lunes, 7 de mayo de 2012

LIGA DA COSTA 33ª XORNADA: SCD MALPICA 5 - SAN LORENZO 2

SCD MALPICA: Suso, David Álvarez (Casais min.59), Miguel Avelino, Iago (Manu Pardo min.46), Marco, Andrés, Neucha, Juny (Martín min.76), Charro (Dani min.71), Tato, David Blanco.


SD SAN LORENZO: Recarey, Santi, Marcos Bartolo (Canteiro min.63), Carlos (Gabri min.69), Adrián, Javi, Chucho, Cachizo, Bolón, Fuentefría, Eloy.

Árbitro: Guerra Domínguez. Mal. Os malpicáns reclamaron unha obstrucción clara ao gardameta Suso no segundo gol do San Lorenzo (faltas ao porteiro que se repetían en case tódolos balóns parados). O colexiado non estivo nada fino á hora de interpretalo reglamento, sobre todo á hora de deixar seguilo xogo ou sinalar falta. Expulsou ao adestrador local David Baña.

Incidencias: Tarde soleada pero con vento moderado que tivo certa influencia no desenvolvemento do xogo. Uns 100 espectadores acudiron á Pedra Queimada. Non houbo lesionados de gravidade.

Goles: 1-0 (min.21): Xogada de Charro que envía o pase da morte cara David Blanco que remata de primeiras a gol. 1-1 (min.31): Saque de banda en longo que Chucho envía cara a área local, ningún defensor nin atacante logra despexar coa cabeza e o balón cae no segundo pao onde Carlos anota libre de marca. 2-1 (min.38): Juny recibe na posición de extremo dereito, penetra na área, recorta a Fuentefría sendo derrubado por este, marcando Charro o penalti. 2-2 (min.42): Novo saque de banda en longo dende o lateral cara a frontal da área pequena, Suso é obxeto de falta que non sinala o colexiado, hai unha serie de rexeites sendo Cachizo o que anota. 3-2 (min.48): Charro centra dende o pico dereito da área, rebota nun defensa caéndolle o esférico a Neucha que marca sen oposición diante do gardameta. 4-2 (min.68): Saque en longo do porteiro local Suso, a defensa do San Lorenzo non despexa, Charro gáñalle as costas e define no man a man. 5-2 (min.75): Novo saque en longo de Suso que supera á defensa, Fuentefría semella que a vai coller sen problemas pero escápalle da man e Neucha, moi oportuno, marca de cabeza con pouco ángulo.

Crónica: Logo de quedar eliminados da Copa da Costa na xornada do sábado ante o Santa Comba, a SCD Malpica afrontaba o último partido oficial na Pedra Queimada nesta tempada 2011/2012 recibindo ao San Lorenzo, equipo que tras unha andaina ligueira irregular estaba xa salvado. O adestrador do Malpica, David Baña, sumaba as baixas de Óscar Moscoso, Cheo, Víctor, Marcos Amado (mancado nun xeonllo), Pablo (por enfermidade) e Rancaño (sancionado). O encontro comezou cun conxunto local que monopolizaba a posesión do esférico pero ao que lle custaba profundizar xa que o San Lorenzo, se ben non presionaba na saída de balón, si acumulaba moita xente na súa propia parcela de campo creandolle dificultades a unha SCD algo máis imprecisa do habitual. Non tiveron os malpicáns moitas oportunidades de gol, destacando as seguintes: falta lateral que Tato saca rasa ao primeiro pao pero un defensor despexa na área pequena; disparo de Juny dende a dereita da área que sae ao lateral da rede; nova falta que bota Tato dende o borde da área, e que peta no longueiro. Pola contra, o San Lorenzo amosou unha faciana moi conservadora, renunciando ao balón e apenas creou perigo, salvo nas xogadas a balón parado (especialmente nos saques de banda de Chucho que chegaban mesmo ao segundo pao).

No segundo tempo o Malpica logrou poñerse por diante de novo moi pronto, desta vez de xeito definitivo, pois os visitantes foron incapaces de repoñerse e a medida que pasaban os minutos o cansancio físico condicionaba cada vez máis o xogo (os dous conxuntos xogaran partido de copa o día antes), aproveitando os malpicáns os erros defensivos dos de Verdillo para aumentala súa renda de goles. No último tramo de encontro, o equipo costeiro limitouse a circulalo balón administrando forzas e agardando a que o colexiado sinalase o final do mesmo. Tampouco houbo moitas oportunidades nesta segunda parte, sendo dúas as máis claras para a SCD: disparo de Charro con moita intención que Recarey despexa a saque de esquina; e un tiro de Neucha dende a frontal que saiu rozando o pao esquerdo.

Goleada do Malpica na penúltima xornada de Liga pero que se despide da terceira plaza, pero que ten ao Fisterra (cuarto clasificado) a tan só un punto. A nota positiva do partido foi o acerto cara a gol que amosou a SCD, pois se ben en partidos anteriores faltou algo de puntería nos metros finais, onte a efectividade foi moi alta. O vindeiro domingo os malpicáns afrontan a derradeira xornada visitando ao Mazaricos.

domingo, 6 de mayo de 2012

COPA DA COSTA DEZASEISAVOS DE FINAL (VOLTA): SCD MALPICA 1 - SANTA COMBA 0.

SCD MALPICA: Suso, Charlie, Marcos Amado (Miguel Avelino min.68), Iago, Marco, Andrés, Neucha (Pablo min.64), Rancaño, Charro, Tato, David Blanco.

SANTA COMBA CF: Pablo, Gelo (Doro min.46), Agustín (Jota min.46), Ángelo, Roberto Amoedo, Orlando, Chinda, Pablo Baña, Noly (Darío Capelo min.78), José Ángel (Julián min.46), Óscar.

Árbitro: Pérez Rellán. Estivo regular. O Malpica reclamoulle dous posibles penaltis, un cometido sobre Charro na primeira metade e outro sobre David Blanco na segunda. Pola contra, o Santa Comba protestou o gol anulado a Noly (min.77) por presunto fóra de xogo. Non houbo expulsados.

Incidencias: Tarde soleada na Pedra Queimada cunha temperatura moi agradable. Gran ambiente nas bancadas, con máis de 200 espectadores seguindo o encontro. O malpicán Marcos Amado abandonou o terreo de xogo cun golpe nun nocello.

Goles: 1-0 (min.31): O visitante Ángelo corta un ataque malpicán, cede atrás ao seu gardameta Pablo que se atopaba a media saída, este rectifica a tempo e cunha gran estirada consigue desvialo esférico que da no pao esquerdo da portería quedando morto para que Neucha marque a placer dende dentro da área pequena.

Crónica: Partido de volta dos dezaseisavos de final na Pedra Queimada onde a SCD Malpica trataba de remontar o 2-0 da ida a prol do Santa Comba nunha tarefa que semellaba moi complicada ante un conxunto da Preferente Autonómica (5º clasificado actualmente). David Baña, adestrador malpicán, recuperaba efectivos pero contaba coas baixas de Óscar Moscoso, Cheo, Víctor e Casais (os últimos por motivos laborais). O partido comezou cun Malpica moi intenso, concentrado en cada tarefa que debían desenvolver e sendo superiores na primeira metade a todo un Santa Comba que quizáis non se esperaba un equipo costeiro tan agresivo e atrevido. Os locais gañaban practicamente tódalas segundas xogadas, superando en moitas fases aos seus pares defensivos, especialmente polas bandas e chegando con certa facilidade á líña de tres cuartos. As mellores aproximacións ofensivas dos malpicáns foron as seguintes: Neucha penetra na área pola esquerda, desfaise do lateral e dispara coa dereita pero algo frouxo; Neucha recibe un pase en profundidade pero entretense demasiado na área e o balón é despexado pola defensa; de novo Neucha lanza unha falta dende o borde da área que sae alto por pouco. O Santa Comba sufriu para sacar o balón controlado debido á gran presión local, e tratou de facer un xogo basado en diagonais buscando os desmarques dos seus atacantes. Apenas creou perigo o equipo xalleiro, salvo unha acción de Noly na que se aproveita dun resbalón de Iago pero Suso salva cos pés nunha gran saída.

Coa remontada a medias (un gol máis forzaba a prórroga), o Malpica comezou a segunda parte coa intención de seguir atacando e presionando, pero a medida que pasaban os minutos as pernas pesaban máis e a diferencia física entre entre ámbolos dous conxuntos fíxose evidente (tamén a entrada por parte dos visitantes de Julián e de Doro axudou a que os xalleiros subisen o seu nivel). Foron uns segundos 45 minutos igualados, onde os malpicáns mostraban moita ambición pero onde tiveron menos claridade que no primeiro período. A SCD tivo unha gran oportunidade nun disparo de Andrés que se fai cun rexeite da defensa e dispara con moita potencia pero que o porteiro Pablo salva cunha gran parada. Seguiron apretando ata o final, e mesmo preto do minuto 90 Tato estivo a punto de marcar nunha falta que saiu rozando o pao. O Santa Comba tivo máis protagonismo en ataque, creando perigo gracias ás aparicións dos seus extremos, pero os azulóns mostráronse seguros en defensa e Suso estivo moi seguro en tódolos balóns colgados. Dúas oportunidades destacaron para o Santa Comba: un centro de Julián dende a esquerda que Noly remata alto en boca de gol, e unha xogada de Noly pola esquerda que asiste a Doro pero este tira demasiado cruzado nunha posición moi favorable.

A SCD Malpica queda fóra da Copa da Costa 2012 pero deixando moi boas sensacións ante, quizáis, o mellor equipo da competición copeira. Os malpicáns plantaron cara no partido de ida en Fontenla e foron superiores en moitas fases onte na Pedra Queimada, e quizáis cun pouco máis de fortuna na ida hoxe estarían nos oitavos de final.

sábado, 5 de mayo de 2012

SORTEO CESTA

O número premiado coa cesta que sorteaba a SCD Malpica é o 4492, correspondente ás últimas catro cifras do sorteo da ONCE celebrado onte venres día 4 de maio.

O agraciado ou agraciada pode poñerse en contacto coa SCD a través do facebook, por email (scdmalpica@hotmail.com) ou no número 680486372. Lembramos que o premio caduca aos 30 días naturais.

Gracias a tod@s por colaborar.